content top

Oficina de Xuventude

CONCELLARÍA DE XUVENTUDE DO CONCELLO DE PONTEVEDRA

A Oficina de Xuventude deste Concello creouse no ano 1998. O seu método de traballo baséase necesariamente na colaboración e coordinación interdepartamental dentro da estrutura propia do Concello, así como cos axentes da comunidade da que forma parte, xa que así o esixe o seu ámbito de intervención, a mocidade.

Xuventude participa activamente nos plans estratéxicos municipais de Igualdade e de Drogas e outras adicións, dando resposta coas súas actuacións aos obxectivos e directrices xerais dos devanditos marcos.

A nosa metodoloxía está baseada na participación social da mocidade e esta materialízase en medidas concretas. O deseño e execución das distintas actuacións contan necesariamente coas propostas dos propios mozos e mozas, organizados formalmente ou non, prestándolles o apoio necesario para levalas  a cabo.

A participación é un elemento transversal. Os programas de Xuventude están abertos ás demandas de mozos e mozas, ás súas ideas, propostas e necesidades, o cal se acada a través de diferentes canais:asociacións, grupos informais, grupos de música, antenas informativas, así como a través dos propios mozos e mozas que acoden a esta oficina municipal de xeito individual.

Áreas e programas de Xuventude:

INFORMACIÓN  XUVENIL

Oficina Municipal de Xuventude

Contamos coa Oficina Municipal de Xuventude que forma parte da RIX (Rede de Información Xuvenil da Xunta de Galicia). Partimos da idea de que a información posibilita a igualdade de oportunidades, xera participación e facilita a dinamización do colectivo de mozos e mozas.

Obxectivos:

  • Informar e orientar sobre todos aqueles temas de interese xuvenil.
  • Incentivar a participación da mocidade na súa realidade social.
  • Establecer canles de participación entre as entidades públicas e a mocidade.
  • Favorecer a igualdade de oportunidades a través do acceso igualitario e autónomo á información e recursos.
  • Descentralizar os servizos de información xuvenil para achegarse aos destinatarios colaborando con axentes sociais (centros educativos, asociacións, outras administracións…).

Actuacións:

Atención ao público sobre diferentes temas como emprego, formación e estudos, organismos e axudas, actividades de lecer, carnés desconto, voluntariado, turismo, premios e concursos…

BIM:  Boletín de Información da Mocidade no que se recompilan as actividades e noticias de interese a poboación nova.

Pode consultarse ou ben subscribirse no enderezo www.xuventude.pontevedra.eu e recibir un boletín dixital unha vez por semana no correo electrónico.

Distribución de preservativos e de material informativo sobre temas relacionados coa sexualidade, consumo de substancias, alcol, tabaco e condución segura nos espazos de autoconsulta da propia Oficina de Xuventude.

Carné xove:  seu obxectivo é facilitar ós mozos e mozas de 12 a 30 anos, inclusive, o acceso a diferentes bens e servizos a través de descontos ou vantaxes, tanto no territorio nacional como nos 40 países europeos nos que está implantado. Para expedilo é preciso cubrir un impreso, presentar copia do DNI e pagar 6 € en concepto de taxas á Xunta de Galicia. Toda info. no apartado “Carnés para a Mocidade” en  www.xuventude.net

Espazo de autoconsulta: con diversa información sobre emprego privado e público, formación, oferta cultural e de lecer, voluntariado, programas e prestacións sociais dirixidas á mocidade.

Apoio á rede sociocultural: a Oficina de Xuventude tamén se configura como un soporte informativo a todas aquelas entidades que desexen publicitar as súas programacións de actividades dirixidas á mocidade: asociacións, centros culturais, servizos municipais, empresas de lecer e tempo libre, centros de formación, universidades, etc…

Colaboración con outras publicacións informativas de ámbito local e autonómico dirixidas á mocidade: achegamos información de diferentes contidos culturais, formativos e de lecer que parten do Concello de Pontevedra, e apoiamos á difusión de entidades e grupos que nos solicitan a difusión das súas actividades.

Servizo de Información e Orientación laboral:

– Asesoramento na elaboración do currículo

– Acceso a un ordenador para poder redactar, actualizar e imprimir correctamente o propio currículo e/ou carta de presentación, optar á súa introdución en webs de emprego que facilitan esta posibilidade, así como para a consulta de ofertas de emprego.

– Orientación nos recursos de emprego existentes

 

EMPREGO E FORMACIÓN :

PROGRAMA “Pisando Forte”

Trátase de cursos de formación orientados á xente nova co obxectivo de mellorar as súas competencias persoais e sociais para acadar a súa autonomía e independencia.

Destinado a mozos e mozas de 16 a 35 anos.

LECER, CULTURA E TEMPO LIBRE :

Noites Abertas

  • Noites Abertas xurde no 1999.
  • Proposta estable e referente para a mocidade de Pontevedra 12-35 anos.
  • Durante as fins de semana do primeiro  semestre de cada ano.
  • Oferta gratuíta de lecer con actividades construtivas, divertidas e interactivas, onde participar tanto en grupo como individualmente.
  • Proposta educativa de lecer e tempo libre:
    • Interculturalidade.
    • Diversidade.
    • Promoción da saúde e desenvolvemento persoal.
    • O interese pola propia cultura e lingua.
    • Valores de igualdade entre mozos e mozas.
  • Opción divertida baseada na comunicación e o intercambio cultural entre mozos/as de diferentes idades, gustos, intereses e necesidades

www.noitesabertas.gal               www.facebook.com/noitesabertas

Ponteverán

Ponteverán é o programa de actividades de lecer para a xuventude durante o verán. Dende a súa primeira edición no ano 1998 o programa foi medrando e na actualidade oferta actividades de lecer, deportivas,  obradoiros, cursos,  programas de turismo xuvenil e campamentos, buscando a ocupación do tempo libre da mocidade durante o verán, dun xeito lúdico e educativo. Dirixido a nenos e nenas, mozos e mozas de idades comprendidas entre os 8 e os 35 anos, con actividades diferenciadas por tramos de idade.

Todas as prazas están subvencionadas polo Concello de Pontevedra, algunhas no 100 % e nun mínimo do 80 %, ademais aplicase unha cota reducida do 50% a familias numerosas e ao segundo/a familiar directo/a participante.

Local de Música

Posta en marcha esta iniciativa en outubro de  2008, está ubicado na rúa Otero Pedraio, s/n (ao lado de Vialia) e conta cunha superficie duns 200 m2. Dispón de tres salas, destinadas principalmente ao ensaio, ademais dunha sala que en breve se dedicará á gravación.

As salas contan con baterías, teclados, amplificadores, micrófonos, equipo de mesturas, etc… todo o necesario para ensaiar grupos de todos os estilos musicais.

O horario do Local é de luns a venres de 16 a 22 h. e os sábados de 10 a 14 h e de 16 a 22 h. e nel poden solicitar a seu uso grupos de mozos/as novos/as que pertenza a un colectivo musical, menores de 30 anos sempre cando algún membro do grupo estea empadroado en Pontevedra.

O uso do Local é totalmente gratuíto. O Local de Música converteuse xa nun centro social para a mocidade e a súa misión vai máis alá, configurándose xa como un espazo motivador, dinamizador, catalizador e potenciador da creación e expresión musical na nosa cidade, así como un nexo de unión entre os diferentes axentes que participan dalgún xeito na creación musical.

Mozos e mozas de 14 a 30 anos (ou media do grupo non superior a 35 anos)

Os grupos interesados en formar parte desta iniciativa poderán achegarse a este espazo nos horarios de apertura ou ben solicitar información en localdemusica@pontevedra.eu

Máis información na web interactiva http://localdemusicapontevedra.nos.gl/index.html