CONCELLARÍA DE XUVENTUDE DO CONCELLO DE PONTEVEDRA
A Oficina de Xuventude deste Concello creouse no ano 1998. O seu método de traballo baséase necesariamente na colaboración e coordinación interdepartamental dentro da estrutura propia do Concello, así como cos axentes da comunidade da que forma parte, xa que así o esixe o seu ámbito de intervención, a mocidade.
Xuventude participa activamente nos plans estratéxicos municipais de Igualdade e de Drogas e outras adicións, dando resposta coas súas actuacións aos obxectivos e directrices xerais dos devanditos marcos.
A nosa metodoloxía está baseada na participación social da mocidade e esta materialízase en medidas concretas. O deseño e execución das distintas actuacións contan necesariamente coas propostas dos propios mozos e mozas, organizados formalmente ou non, prestándolles o apoio necesario para levalas a cabo.
A participación é un elemento transversal. Os programas de Xuventude están abertos ás demandas de mozos e mozas, ás súas ideas, propostas e necesidades, o cal se acada a través de diferentes canais:asociacións, grupos informais, grupos de música, antenas informativas, así como a través dos propios mozos e mozas que acoden a esta oficina municipal de xeito individual.
Áreas e programas de Xuventude:
INFORMACIÓN XUVENIL
Oficina Municipal de Xuventude
Contamos coa Oficina Municipal de Xuventude que forma parte da RIX (Rede de Información Xuvenil da Xunta de Galicia). Partimos da idea de que a información posibilita a igualdade de oportunidades, xera participación e facilita a dinamización do colectivo de mozos e mozas.
Obxectivos:
- Informar e orientar sobre todos aqueles temas de interese xuvenil.
- Incentivar a participación da mocidade na súa realidade social.
- Establecer canles de participación entre as entidades públicas e a mocidade.
- Favorecer a igualdade de oportunidades a través do acceso igualitario e autónomo á información e recursos.
- Descentralizar os servizos de información xuvenil para achegarse aos destinatarios colaborando con axentes sociais (centros educativos, asociacións, outras administracións...).
Actuacións:
- Atención ao público sobre diferentes temas como emprego, formación e estudos, organismos e axudas, actividades de lecer, carnés desconto, voluntariado, turismo, premios e concursos...
- BIM: Boletín de Información da Mocidade no que se recompilan as actividades e noticias de interese a poboación nova. Pode consultarse ou ben subscribirse no enderezo www.xuventude.pontevedra.eu e recibir un boletín dixital unha vez por semana no correo electrónico.
- Distribución de preservativos e de material informativo sobre temas relacionados coa sexualidade, consumo de substancias, alcol, tabaco e condución segura nos espazos de autoconsulta da propia Oficina de Xuventude.
- Carné xove: seu obxectivo é facilitar ós mozos e mozas de 12 a 30 anos, inclusive, o acceso a diferentes bens e servizos a través de descontos ou vantaxes, tanto no territorio nacional como nos 40 países europeos nos que está implantado. Para expedilo é preciso cubrir un impreso, presentar copia do DNI e pagar 6 € en concepto de taxas á Xunta de Galicia.
- Espazo de autoconsulta: con diversa información sobre emprego privado e público, formación, oferta cultural e de lecer, voluntariado, programas e prestacións sociais dirixidas á mocidade.
- Apoio á rede sociocultural: a Oficina de Xuventude tamén se configura como un soporte informativo a todas aquelas entidades que desexen publicitar as súas programacións de actividades dirixidas á mocidade: asociacións, centros culturais, servizos municipais, empresas de lecer e tempo libre, centros de formación, universidades, etc...
- Colaboración con outras publicacións informativas de ámbito local e autonómico dirixidas á mocidade: achegamos información de diferentes contidos culturais, formativos e de lecer que parten do Concello de Pontevedra, e apoiamos á difusión de entidades e grupos que nos solicitan a difusión das súas actividades.
- Servizo de Información e Orientación laboral:
- Asesoramento na elaboración do currículo
- Acceso a un ordenador para poder redactar, actualizar e imprimir correctamente o propio currículo e/ou carta de presentación, optar á súa introdución en webs de emprego que facilitan esta posibilidade, así como para a consulta de ofertas de emprego.
- Orientación nos recursos de emprego existentes;
EMPREGO E FORMACIÓN :
Pisando Forte
Trátase de cursos de formación orientados á xente nova co obxectivo de mellorar as súas competencias persoais e sociais para acadar a súa autonomía e independencia. Destinado a mozos e mozas de 16 a 35 anos.
LECER, CULTURA E TEMPO LIBRE
Noites Abertas
- Noites Abertas xurde no 1999.
- Proposta estable e referente para a mocidade de Pontevedra 12-35 anos.
- Durante as fins de semana do primeiro semestre de cada ano.
- Oferta gratuíta de lecer con actividades construtivas, divertidas e interactivas, onde participar tanto en grupo como individualmente.
- Proposta educativa de lecer e tempo libre:
- Interculturalidade.
- Diversidade.
- Promoción da saúde e desenvolvemento persoal.
- O interese pola propia cultura e lingua.
- Valores de igualdade entre mozos e mozas.
- Opción divertida baseada na comunicación e o intercambio cultural entre mozos/as de diferentes idades, gustos, intereses e necesidades
www.noitesabertas.com www.facebook.com/noitesabertas
Ponteverán é o programa de actividades de lecer para a xuventude durante o verán. Dende a súa primeira edición no ano 1998 o programa foi medrando e na actualidade oferta actividades de lecer, deportivas, obradoiros, cursos, programas de turismo xuvenil e campamentos, buscando a ocupación do tempo libre da mocidade durante o verán, dun xeito lúdico e educativo. Dirixido a nenos e nenas, mozos e mozas de idades comprendidas entre os 8 e os 35 anos, con actividades diferenciadas por tramos de idade.
Todas as prazas están subvencionadas polo Concello de Pontevedra, algunhas no 100 % e nun mínimo do 80 %, ademais aplicase unha cota reducida do 50% a familias numerosas e ao segundo/a familiar directo/a participante. www.ponteveran.info
Local de Música
Posta en marcha esta iniciativa en outubro de 2008, está ubicado na rúa Otero Pedraio, s/n (ao lado de Vialia) e conta cunha superficie duns 200 m2. Dispón de tres salas, destinadas principalmente ao ensaio, ademais dunha sala que en breve se dedicará á gravación. As salas contan con baterías, teclados, amplificadores, micrófonos, equipo de mesturas, etc... todo o necesario para ensaiar grupos de todos os estilos musicais. O horario do Local é de luns a venres de 16 a 22 h. e os sábados de 10 a 14 h e de 16 a 22 h. e nel poden solicitar a seu uso grupos de mozos/as novos/as que pertenza a un colectivo musical, menores de 30 anos sempre cando algún membro do grupo estea empadroado en Pontevedra.
O uso do Local é totalmente gratuíto. O Local de Música converteuse xa nun centro social para a mocidade e a súa misión vai máis alá, configurándose xa como un espazo motivador, dinamizador, catalizador e potenciador da creación e expresión musical na nosa cidade, así como un nexo de unión entre os diferentes axentes que participan dalgún xeito na creación musical.
Mozos e mozas de 14 a 30 anos (ou media do grupo non superior a 35 anos)
Os grupos interesados en formar parte desta iniciativa poderán achegarse a este espazo nos horarios de apertura ou ben solicitar información en Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo
Máis información na web interactiva www.myspace.com/localdemusica
